Páxinas

mércores, 7 de agosto de 2013

Un pouco de "Amélie", por favor...

(quen di por favor di carallo)

Presentación inútil que tería que ter feito hai tempo.

Son Afra, Afra Martínez Torrado, dos Torrados de Trabanca. Bisavós enfrontados na Guerra Civil e tal e cual. Outra historia, outra historia de futura vella tola, tola rodeada de gatos. Tamén Virguliña, Virgu ou Vir e Pepa, para algúns.

Gústanme os solpores laranxas ou rosados na Ría, dende a praia, soa... Soa ou acompañada dalguén que poida estar en silencio ata que marche o Sol ou cantando unha nana mental, para que durma antes e así na escuridade, falar. Ou non.
O olor da herba recén cortada e o asfalto mollado pola chuvia (só no verán) . A chuvia, pero só se é suave e só refresca, non molla, porque non me gusta estar arrefriada, so ter febre e na cama dos meus pais en días mollados, non nestes que primeiro chove e logo loce o Sol.
Os prados verdes, moi verdes, grandes, con algún carballo solitario, vacas e un pai francés (máis ben bretón) que exclame "Hm... la Bretagne!" e que logo tire os contenedores. Tamén estan ben as fragas con regueiro e un camiño de carro cheo de landras e bugallos.
Gústanme as persoas que berran "Galiza ceive" ou as que me saudan cun "Camarada" ou ben un "Maldita roja comunista, vete a la URSS" Admiro ás escritoras galegofalantes feministas, medio nacionalistas medio "rojillas". Tamén me gusta a xente noxentamente influenciable, pero non me gusto. Tampouco me gusta a calor nin os señores que me chaman "guapa" pola rúa, por mentireiros e vellos verdes. Non me gustan as despedidas nin os reloxos. Nin os nenos. Nin a maioría da xente...
Os que non sabes se che están falando de humor negro ou son así, os que non aprecian as túas ideas (aínda que sexan absurdas), os que che fan perder o tempo e non llo podes reclamar, os que infravaloran o esforzo...
Os paraugas tampouco, recórdanme ao instituto.
Teño que acabar agora?


Ningún comentario:

Publicar un comentario