Páxinas

martes, 26 de febreiro de 2013

Doces solpores.

E pechei os ollos. Levantárase unha leve brisa
naquel solpor de inverno. Era un aire suave,
non facía dano. Gustábame. Era como un agarimo
do Sol, que me daba as boas noites. Abrín os ollos
e vin como se ía agachando, pouco a pouco detrás do laranxeiro. Daquel laranxeiro de laranxas doces.
Cando se tapou coa oscura manta de todas as noites, quedei ficando cara a nada mentres agardaba a que volvese.



Tempo.

Ollos castaños,
mirada morriñenta,
tras un cristal grisáceo polo tempo.

Desliza suavemente o pincel
remaarcando as súas curvas,
esa forma de muller deitada.

Achéganse e acaríñanse,
fúndense nun bico eterno.
Míranse
e non poden agochar un sorriso.

Ollos castaños,
mirada morriñenta,
tras un cristal grisáceo polo tempo.

luns, 25 de febreiro de 2013

Sentimentos e cascudas

Ás veces penso, e o outro día estiven pensando (agora escóitase un "Buenoooo" xeral.)... Estiven pensando nos sentimentos, e unha pregunta veu á miña mente: Para que?
Quero dicir...
Por exemplo: unha cascuda. Ignoro se ten sentimentos ou non, pero en caso de que non os teña, que inxusto, non? Inxusto por elas non: inxusto por nós. Eu estaría xenial facendo o que fan as cascudas e sobrevivindo a ataques nucleares devastadores. Que che poden matar? E sendo humano non?

venres, 15 de febreiro de 2013

Quince de febreiro do dous mil trece.

Hoxe volvín escribir. Non sabes o que se sinte cando o teu bolígrafo empeza a deslizarse por unha folla cuadriculada no medio dunha clase de matemáticas. Ou si, quizais si.
Neste caso sinto tristura, frustración e... Hoxe volvín escribir.

domingo, 10 de febreiro de 2013

Inestabilidade.

Ninguén quere escoitarme. Ninguén pode axudarme.
O único que quere ler a xente é que a vida non me importa, que o amor non é para min, que é unha merda.
Pero en realidade, doulle máis importancia ás emocións da que debo.
Ata outra.

P.D.: Vermes putrefactos para todos.

sábado, 9 de febreiro de 2013

Visionado.

Un cubo de basura ateigado de papeis de madalenas.
Unha cadeira maltratada co peso dunha mente vítima da sociedade.
Ollos para tapar bágoas invisibles.
Un corazón con sete roios e medio de cinta de papel.
Un cerebro atrofiado polas bolboretas asasinas...
Outra vez.

You Never can Tell.


luns, 4 de febreiro de 2013

Amor nalguha parte do meu intestino.

Topei coa tolería personificada,
cun tolemio suicida,
podre por dentro e triste por fóra.
Capaz de namorar con verbas,
non consciente diso.
Infravalorado por si mesmo.
Espécimen único ou
a piques de se extinguir.
Caerei eu nesa tolería?
E se me extirpo as tripas?

venres, 1 de febreiro de 2013

Ola, alguén?

Ola? Hai alguén aí? Alguén me escoita? Alguén pode axudarme?
Ola? Hai alguén vivo? Alguén se move? Alguén pode curarme?
Ola? Hai aguén, do outro lado? Alguén disposto a non perder? Algún valente?
Ola? Por favor. Axúdame. Aguén?
Ola? Alguén me entende?