Páxinas

sábado, 28 de marzo de 2015

everb

fai frío.

tres días sen facer a cama.

na escuridade lémbrote clandestinamente. imaxínote sen roupa fronte a min nalgún lugar afastado, tanto como para gardar o segredo dos meus desexos, as miñas dúbidas, os meus medos.

xa pasou o inverno, fai sol. que se lle vai facer...

mércores, 25 de marzo de 2015

débedas

nin eu sei que pasa aquí dentro.

o caos reina nunha masa indefinida da que xorden todas as inseguridades, todos os cuestionamentos que podo ter.

ás veces penso en petar na túa porta desesperada por volver, pero só de pensalo, teño ganas de botar a correr, utilizaríasme para fregar os pratos.

rotos. fun eu quen os escachou. pola fiestra do teu cuarto. non matei a ninguén. logo empecei a tirar todo ao chan. denunciáchesme polo afecto escaso, rematei en Conxo.

mañá quero quedar na cama, ao quente... todo pode agardar por min se é que algo o fai.

ti non, seino, nin falta que fai. amén.

domingo, 22 de marzo de 2015

lume

aquí, na cadea
non deixan prenderlle
lume ao chan

tampouco sabería sen ti

aquí unha pirómana
é asasina de eucaliptos,

fóra, hainas reprimidas
que o.a deixan pasar

sen probar - tan sequera
a controlar as chispas

domingo, 15 de marzo de 2015

té.

agardas no sofá da sala de estar. agardas a que chegue e, despois de bebernos unha copa de viño, desprenderme do meu vestido e deixarme facer.
eu estou na cociña. hoxe apetéceme té. dúas pingas de veleno na miña infusión, dose mortal na túa. quero experiencias novas. chego facendo equilibrios coas dúas cuncas. quítasme ti a roupa. déixome facer, xa que estamos.
o té xa está frío, non sei cal é cal. a ruleta rusa da auga con herbas. a emoción de comprobar a sorte.

xoves, 12 de marzo de 2015

sendo factibles.

arroutadas de factibilidade
de verte factiblemente
en min, sendo factibles

pero no mundo non é factible
sendo factibles
pode que un petisco que sexa factible.

factiblemente podes vir
a probar a ver se hai factibilidade.

sábado, 7 de marzo de 2015

cuspe

hai veces que non sabes de onde ven a inspiración.

outras, é evidente: ven das glándulas salivares

é cuspe



xoves, 5 de marzo de 2015

breves

semella distante o sentimento de desprendemento, mais é tan recente coma o meu último suspiro - dinme que o fago moito.

hoxe fai sol e respiro o alivio, a tranquilidade de non preocuparme por ter que estar triste.

hoxe é un día fermoso aquí, entre eucaliptos... imaxina en Compostela!

domingo, 1 de marzo de 2015

enderezo descoñecido

necesítote. non sei. ao mellor chámaste aire fresco nun monte sen eucaliptos, pode que sexas a auga salgada que molla o meu corpo espido nun mes de maio, quizais as pedras que piso na cidade vella.
ou ti, ou elas, ou el, ou ela, ou eu.
fáltame o lugar que deixou Nerón regresando ao limbo. fáltame un anaco e non sei onde mercalo.